Saltar ao contido

O Concello de Vigo e FCC poñen en marcha un dispositivo especial de limpeza para a festa da Reconquista

  • Reforzarase o servizo con maior presenza de contedores para postos e hostalería, recollida de vidro porta a porta e de cartón en puntos específicos.
  • O domingo, ao finalizar a festa, activarase unha dotación extraordinaria composta por 9 vehículos e 25 operarios.
  • Estímase que nesta fin de semana, na que se prevé a maior afluencia da historia desta celebración, poderíanse recoller 11 toneladas máis de Residuos Sólidos Urbanos que nunha fin de semana normal.

Con motivo da celebración da 27 edición da Reconquista, o Concello de Vigo e FCC reforzarán o servizo de limpeza urbana, entre o 31 de marzo e o 2 de abril, co obxectivo de manter as rúas da cidade nas mellores condicións posibles nun ano no que se prevé a maior afluencia da historia desta festa.

En concreto, instalaranse contedores de 800 litros de fracción orgánica, selectiva e papel en 15 localizacións que se sumarán aos contedores laranxas de recollida resto. Ademais, facilitarase aos postos a pe de rúa 50 contedores amarelos de dúas rodas de 120 litros para a recollida selectiva de envases.

Pensando nos establecementos que xeren vidro, como poden ser os hostaleiros, FCC colocará contedores destinados a tal uso en 7 localizacións con sistema de izado Vacri (volteo para a asistencia de contedores rodantes individuais), ademais de 35 contedores verdes de 90 litros para que os establecementos poidan trasladar o vidro aos 7 contedores anteriormente mencionados.

O servizo reforzarase o sábado día 1 e o domingo 2, en horario de mañá, con recollida de vidro porta a porta e con recollida de cartón en puntos específicos.

O mesmo domingo, ao finalizar a festa, porase en marcha unha dotación extraordinaria composta por 9 vehículos e 25 operarios que percorrerán todo o casco vello e zonas coma a Porta do Sol, Náutico, Montero Ríos e Carral.

A empresa concesionaria estima que, durante a fin de semana, poderíanse chegar a recoller 11 toneladas máis de Residuos Sólidos Urbanos que nunha fin de semana normal.

Con este tipo de iniciativas, o Concello de Vigo e FCC queren contribuír á prevención na xeración de residuos e fomentar a reutilización, a reciclaxe e a separación de residuos, para a mellora das recollidas selectivas.