Saltar ao contido

O Concello de Vigo e FCC incorporan melloras no servizo de recollida “porta a porta” de aparellos eléctricos e electrónicos

  • O sistema de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE´s) incorpora un novo vehículo eléctrico para reforzar este servizo “porta a porta” baixo demanda previa.
  • RAEE´s permite realizar unha mellor clasificación das case 17 toneladas ao mes que se recollen deste tipo de residuos.
  • Ademais, incorpóranse 31 novos contedores de vidro de carga lateral para a hostalería, cos que poderán recollerse ata 3.000 litros.

O Concello de Vigo e FCC incorporan melloras no servizo de recollida individualizada de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE’s) e adquiren novos colectores de vidro para a hostalería.

Co obxectivo de seguir fomentando a recollida individualizada de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE’s), sen mesturalos entre si nin con outras fraccións de residuos, refórzase este servizo coa incorporación dun novo vehículo eléctrico de 8m3 de capacidade.

Este servizo, ofrecido baixo demanda previa chamando ao teléfono 900 859 660 en horario de mañá e recollida na quenda de tarde, permite realizar unha mellor clasificación das case 17 toneladas que se reciben ao mes deste tipo de residuos, favorecendo a separación e a optimización da recollida, así como a valorización.

Trátase dunha alternativa a depositalos no punto limpo fixo, situado actualmente no número 65 do polígono do Caramuxo ou nos puntos limpos móbiles que percorren a cidade.

Novos contedores de vidro de carga lateral para a hostalería

Ademais, o Concello de Vigo e FCC incorporan 31 novos contedores de vidro de carga lateral destinados a hostalería cos que se poderán recoller ata 3.000 litros, mellorar a frecuencia de recollida e evitar os reboses.

Os novos colectores, que substitúen a outras 31 unidades de carga superior tipo iglú, contan con sistema VACRI (Volteo para a Asistencia de Contedores Rodantes Individuais) que facilita o izado dos contedores de 90 ou 120 litros dos establecementos hostaleiros.

Se prevé que nos próximos meses se poidan ampliar este tipo de colectores con 10 novas unidades.